retranca: habilidade para falar con segundas intencións, en especial cando se procura unha gracia intencionada no que se di

jueves, 28 de abril de 2011

reflexión de voto en alto

reflexión: acción de reflexionar e resultado desta acción/ meditación/ consideración, deliberación/ cambio de dirección que experimenta unha onda sonora, luminosa, etc., ó chocar contra unha superficie reflectora



abstención: acción e efecto de absterse, particularmente, nunha votación, renuncia ó dereito de voto (hai que diferenciala da abstinencia: privación voluntaria de satisface-los apetitos e, en particular, privación de comer carne por motivos relixiosos)



en épocas de eleccións nos continuos debates televisivos e radiofónicos os-as avispados-avispadas periodistas insisten en preguntarlle á casta política se confía na intelixencia dos votantes.... trátase dunha pregunta complicada porque resulta difícil contestar con sinceridade sen ver as estadísticas afectadas: como se pode chamarlle "burros" ós votantes e esperar non sair apaleado? así que: toca mentir.
pola miña parte, e como non teño previsto presentarme a unhas eleccións nas próximas 6 ou 7 décadas (despois, "diosdirá"), a resposta sería un NON ben grande. e non dubido de que os votantes sexamos máis ou menos intelixentes: do que dubido é de que á hora de votar se poña en práctica o intelecto. mostra desta "falta" son, por exemplo, a eternidade de Fraga na Xunta de Galicia ou a súa permanencia tras catástrofes coma a do Prestige





dende o meu pouco coñecemento do mundo político e dende o meu grande descoñecemento da psicoloxía allea, penso que a metade da poboación vive a política coma se de futbol se tratara e a outra metade prefire "reflexionar" máis cara o beneficio propio e inmediato que cara o compartido e a medio-longo prazo...





os da primeira metade xa están vendidos: son dun equipo (ou din ser dun equipo) e dalles igual que xoguen limpo ou que anden a patadas, que marquen goles con xogo de equipo ou anden a provocar penalti, que sean os mellores ou que non den pé con bóla... para eles as cores da súa camiseta son únicas e sen igual, independentemente de quen a vista no seu concello ou en Madrid, independentemente de que o fagan ben ou mal... a súa capacidade crítica veuse anulada dende o momento no que entraron ó campo e lles colgaron a bufanda e o tapaollos e os arrolaron co himno de fondo... dende que a paixón se converteu en fanatismo xa non ven máis opción que unha




os da segunda metade, están desexando venderse: este grupo xa é máis heteroxeneo, porque os hai que se conforman con que lles arranxen aqueles papeis, os que queren un piso, os que aspiran a un posto de traballo prometido, unha axuda por seis meses,...




pero os votantes só temos parte da culpa, porque os políticos acostuman a non cumprir co papel que lles foi asignado nas papeletas....
agora para traballar limpando rúas pídenche dúas licenciaturas e tres idiomas (e lembremos que o galego non conta como idioma); para traballar daquilo do que estudiaches, catro idiomas e cinco anos de experiencia... sen embargo, para presentarte a "alcalde" abonda con... que che piden para ser alcaldable?




supoño que son cousas diso da "democracia"... todos temos dereito a elexir e ser elexidas e elexidos (pero só ó referirnos á política, o do mundo laboral deixámolo mellor para outro día). pois vendo as candidaturas de Teo para as eleccións municipais , pouco lle hai que agradecer á democracia...





as opcións de voto no noso concello están limitadas á mínima expresión:
-está a abstención: sempre pensei que só será realmente útil cando se absteña unha porcentaxe altísima da poboación (algo así coma un 90%)... realmente que un 40% da poboación non vaia a votar xa debería ser significativo, pero o día dos recontos os políticos só teñen cabeza para pensar como elaborar un discurso no que quede claro que, tamén desta vez, eles foron os gañadores, así que non teñen tempo para pensar nos que non foron a votar. eu votei en tódalas eleccións dende que teño dereito a facelo; visto o acontecido nas últimas municipais, non sempre elexín a mellor opción... coma non votei sempre "ós mesmos" e "porquesí" (nen teño pensado facelo)... pero fun votar sempre por iso de que é o meu dereito, por iso de que ás xeracións anteriores lles costou telo como dereito, por iso de poder elexir, e sobre todo, co que me gusta protestar, por iso de poder protestar a gusto polo que considero que "os elexidos" fan mal... sen embargo, os continuos disgustos que nos dan os políticos e os seus traxes, as súas contas correntes e a súa inmunidade, fan que unha pense en que a anarquía é a mellor opción (mágoa que requira dunha poboación educada en valores)
-está a abstención activa (voto en branco / voto nulo): detrás das diferentes perspectivas sobre a quen beneficia e a quen perxudican estes votos, está o seu significado real (porque alguén con dous dedos de fronte non pode negar que o feito de que unha persoa se erga un domingo e gaste parte do seu tempo en dirixirse a un colexio electoral e cumprir co ritual do voto para non votar por ninguén ten un significado)... pero ó fin os significados son os que menos contan para os políticos nun día de eleccións...




-e finalmente está a posibilidade de acudir a votar e elexir a un dos partidos que se presentan; de optar por esta posibilidade, nun mundo "aquelado" habería opcións abondo coma para darlle cabida á dúbida. en Teo non.




en Teo temos ó PP (que está en todas partes). nada máis lonxe das miñas intencións que votalos. que a súa política habitual non sexa do meu agrado (privatizar todo o que teña vida... ou non, non condenar o franquismo, non respeta-los dereitos de certos colectivos dos que tantos exemplares teñen nas súas filas, satanizar outros dereitos para os que eles teñen visado privado, preferir a guerra á paz -e que pasemos de Armando a Guerra non ten nada que ver con isto-...) é motivo suficiente para non votalos, pero ademais, abonda con ver o seu cartel para entender que o máis parecido a un candidato que hai en Teo, é o actual presidente da Xunta, e ese xa está moi ocupado




temos a Parajó. aquí non merece a pena falar de partido, porque o das siglas é o que menos lle importa... el poderíase presentar baixo siglas falanxistas ou baixo siglas comunistas se nalgunha das dúas opcións o aceptasen... el, con tal de estar... e a poder ser, en urbanismo... así que, sobre a ideoloxía desta opción pouco se pode discutir....



temos ó Bng. levan 4 anos gobernados, e máis que dicir que non contaron coa axuda do resto dos partidos para manexar remos e timón, pódese dicir que o resto dos partidos contribuiron a que tiveran que remar contra vento e marea... a comparativa cos gobernos da última década (e máis) pódeos beneficiar (a ringleira de cambios dá para outra entrada de blogue) e perxudicar ó mesmo tempo (facelo mellor que os anteriores non era naaaada difícil). o seu mérito radica, principalmente, en ter a posibilidade de cambiar as cousas, e facelo (non todos poden presumir do mesmo). xunto co partido socialista, e como membros dunha corporación municipal, son dos únicos que podo falar referíndome a algunha experiencia persoal: cando tiven que facer algunha crítica, a resposta que recibín tendía ó constructivismo e non ó insulto






e finalmente, en Teo, temos ó Psoe (tamén en todas partes). a presencia dun personaxe coma Jano Leis nun partido que se supón de esquerdas, as actuacións de Jano Leis como representante político supostamente de esquerdas durante estes catro anos, e o feito de que dende o partido lle sigan permitindo estar aí cando en conversacións privadas os mesmos "compañeiros" da comarca o "poñen a parir" -dios non o queira- (e ollo, non creo en que dentro dos partidos un cerebro máis ou menos desenrolado teña que impoñer todo o que se fai ou deixa de facer dentro do partido, nen quen se vai e quen se queda, pero considero que os partidos deberían ter uns valores mínimos sen o cumprimento dos cales os membros dos partidos non deberían ter un sitio na súa representación política), o dito, todas estas circunstancias son o máis grave que lle aconteceu á política de Teo nestes catro anos. porque hai determinadas accións que unha pode agardar dun partido de dereitas; porque hai determinadas accións que unha pode agardar dun neno de cinco anos; pero as previsións de actos irreflexivos rematan aí.



a incoherencia fíxose humana: declarados antimonárquicos reclamando a presencia do rei no pleno municipal; críticas destructivas cara a xente que fala de política nos bares (coma se houbera temas que tiveran que ser vetados á plebe -que ó fin son os únicos que aparecen polos bares-) mentras eles botan man de "xentes de bares" -e tamén da linguaxe dos bares- para organizar a súa defensa blogueira; solicitan neutralidade nos actos e ditos alleos, cando o único uso que eles fan da neutralidade é o do ph do champú; adícanse a insultar e a facer graves acusacións -coma a de terrorismo- mentras acuden a xuízos pagados con cartos públicos para defende-la propia honra... cando a honra só hai un xeito de defendela....




nun dos últimos plenos desta lexislatura este partido describeuse ó cen por cen cando acusou ó partido que goberna de facelo baseándose nunha "política nacionalista". coma eles, levando o nome "socialista" nas súas siglas non fan unha política socialista consideran que os que levan o termo "nacionalista" tampouco teñen que facer política nacionalista... e nas súas intencións demagóxicas apuran contradiccións no grupo de goberno -non había tema mellor do que falar- ó respecto... que se un afirma que sí, que fan política nacionalista (normal: é o que dixeron que ían facer) e outro o nega completamente (tamén é unha reacción normal... vindo de quen ven a pregunta: o único lóxico é que cando Jano Leis argumenta que o Bng "fai política nacionalista" como crítica é pensar ben que está bébedo, ben que se refire a que a política do Bng vai dirixida só ós afíns ó Bng.... a primeira opción deixámoslla a Armando, e a segunda só pode obter como resposta unha negativa....). o que nos deixou claro este home é que realmente pensa que quen está no goberno ten que estar aí para facerlle favores ós amigos, co cal queda claro tamén que é o que faría el se chegara a estar no sitio....




o que non se lle pode negar a este señor é o gran traballo de investigación que ten feito nalgunhas ocasións... noutro pleno doulle por mostrar dun deses traballos, baseado nas amizades do facebook: de onde a vida privada dalgunha xente vale máis que a vida privada de outra xente.... aquí refléxase por que están cobrando unha dedicación exclusiva: as decisións plenarias do Concello de Teo están basadas no Facebook... agora o cabeza de lista do Psoe de Teo adica a metade do seu "tempo libre" á investigación nas redes sociais, e como non atopa verdades que lle sirvan para levar a pleno, "invéntalle amigos" ós demais; a outra metade do seu "tempo libre" adícaa a enviarlle invitacións de facebook a antigos alumnos seus... está moi ben que pretenda rodearse de votantes potenciais en épocas de eleccións -para algo se meteu en política, e para face-lo ben polo pobo xa sabemos que non é, así que sería para coñecer xente-, pero, que foi diso que chaman "protección de datos" ó que tanto aludiron noutras ocasións???




a Jano Leis pásanlle dúas cousas: a primeira é que, de tanto traballar con adolescentes, as súas preocupacións quedaron reducidas ás preocupacións das mentes adolescentes, que son importantes polo que representan para quen as padece, pero navegan na esaxeración e no egocentrismo, no "nadie puede entender lo desgraciado que soy porque nadie sufre lo que yo", nunha xerarquización de valores ás veces falta de criterios coherentes coa vida que eles mesmos levan.... todos fumos adolescentes, e sabemos que, na maioría dos casos, ten cura....



a segunda cousa que lle acontece é a envexa, que non o deixa durmir (e se nos se durme, non se rinde). hai catro anos, creu que ía gañar as eleccións: pero as crenzas son persoais e poden non ter nada que ver coa realidade. negouse a gobernar xunto co Bng porque el non pode estar por debaixo de ninguén nun grupo de traballo (saberá o que significa "grupo de traballo"?), ten que ser o que mande, ou non ser. adicou catro anos da súa vida a desprestixar cada movemento do grupo de goberno sen ningún criterio máis que o do "yo-yo", desperdiciando a un tempo a oportunidade de traballar PARA Teo dende o goberno e a oportunidade de traballar PARA Teo dende unha oposición constructiva. e agora, sen importarlle ninguén dos que perxudicou no seu camiño, volve a presentarse porque non lle queda outra



e ten envexa porque outros máis novos ca el foron, son, e chegarán a ser como políticos o que sempre quixo e nunca será Jano Leis. como persoas, e seguindo o exemplo do arduo traballo de "investigación política" de Jano Leis, non hai máis que botarlle unha ollada ós facebook de cada quen...



así pois, a nivel persoal, referíndome ó Psoe de Teo, podo dicir que son a "antilibido-política" personificada




o comportamento da maioría dos políticos na actualidade faime entender que case sempre as votacións serven para "escoller ó menos malo". para min, outro criterio de selección ten sido o de evitar maiorías absolutas, porque sempre pensei que unha maioría absoluta é o máis parecido que pode haber a unha dictadura (que llo digan a Aznar e ás súas decisións); agora entendo que, nunha situación na que son as minorías as que exercen comportamentos dictatoriais uníndose para causas pouco éticas, a maioría é o único xeito de gobernar




agardando que esta sexa a última entrada deste blogue



saúdos